O papel da empresa asociada no goberno da mutua
Fraternidad-Muprespa, Mutua Colaboradora coa Seguridade Social número 275, é unha asociación privada de empresarios, sen ánimo de lucro, que ten por finalidade colaborar na xestión da Seguridade Social.
As empresas asociadas participan na súa actividade a través dos seus órganos de goberno, dos cales a Xunta Xeral é o órgano de goberno superior e está integrada por todos os empresarios asociados.
PARTICIPACIÓN NA XUNTA XERAL
A Xunta Xeral de Fraternidad-Muprespa reúnese con carácter ordinario unha vez ao ano para aprobar o anteproxecto de orzamentos e as contas anuais, ademais de decidir sobre cuestións importantes da actividade da Mutua. Para iso, os acordos da Xunta Xeral apróbanse por maioría simple dos votos presentes ou representados dos mutualistas.
Co obxecto de achegar a actividade da Mutua ás empresas asociadas e promover a participación no órgano de goberno superior, poñemos á súa disposición as cédulas de asistencia coas que poden confirmar a presenza na Xunta Xeral ou delegar o voto e dar instrucións para exercelo.
A PARTICIPACIÓN É IMPORTANTE
O noso desexo é o de conseguir a máxima implicación dos mutualistas na xestión de Fraternidad-Muprespa, sobre a base da transparencia e a fluída información. A lexitimación para asistir á Xunta Xeral así como para exercer o dereito a voto acreditaranse pola inserción do empresario no Rexistro de empresas asociadas da Mutua ou mediante exhibición do documento de asociación ou, no seu caso, do documento de proposición de asociación, así como dos documentos relativos a tales extremos, expedidos polos servizos da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Os empresarios cuxos convenios entren en vigor unha vez vencido o prazo de acreditación anticipada, poderán acreditarse o mesmo día de celebración da Xunta, e ata o inicio desta. Así mesmo ostenta os dereitos de asistencia e voto un representante dos traballadores ao servizo da Entidade.
Presentación da cédula de asistencia a través da Oficina Dixital
Pode facer chegar doadamente a Fraternidad-Muprespa a cédula de asistencia á Xunta Xeral a través da nosa Oficina Dixital. Faga clic no enlace “Presentar cédula Oficina Dixital” para facernos chegar a cédula de asistencia de forma áxil. En caso de que non dispoña de usuario da Oficina Dixital, suxerímoslle que solicite agora o seu usuario, para gozar dos todos os servizos que ofrece a nosa Oficina Dixital. Para solicitar o usuario, faga clic no vínculo “Presentar cédula Oficina Dixital” e, a continuación, seleccione “Solicitar usuario”.
Encher a cédula electrónica de asistencia
Na primeira parte da cédula electrónica (zona superior), que debe encherse sempre, hai varios espazos en branco:
- A favor de D./D.ª: Debe encherse co nome do/da representante (persoa física) da Empresa asociada (xa for esta persoa física ou xurídica).
- DNI: Debe encherse co DNI do/da representante (persoa física) indicado no espazo anterior; ou número de pasaporte ou tarxeta de residencia, se fose estranxeiro.
- Da Empresa asociada: Debe encherse co nome da Empresa asociada (persoa física ou xurídica).
Delegar o voto
A parte inferior da cédula electrónica é para o caso de que non puidese ou non desexase asistir persoalmente á Xunta Xeral, en cuxo caso pode delegar o voto en calquera outro asociado que estea ao corrente no cumprimento das súas obrigas sociais.
Nestes casos, os espazos en branco deben encherse da seguinte forma:
- No empresario asociado: Debe encherse co nome da Empresa asociada na que se delega.
- Documento de asociación n.º: Debe encherse co número do documento de asociación da empresa.
- Representado por D./D.ª: Debe encherse co nome do/da representante da Empresa asociada.
- Ademais debe poñerse un xe (X) na opción de voto elixida.
O asinante, en nome do empresario asociado, debe ser quen figure como representante no anverso.
Entregar ou enviar a cédula electrónica
A entrega da cédula pode realizarse a través da Oficina Dixital de Fraternidad-Muprespa, por correo electrónico ao seguinte enderezo: Clic aquí para mostrar email ou fisicamente (orixinal ou imprimida) en calquera centro de atención de Fraternidad-Muprespa no que pode solicitar un exemplar en branco.
Se desexa remitir a cédula a través da Oficina Dixital, acceda ao sistema e faga clic no acceso directo “Cédula Xunta Xeral”. Se desexa remitila en formato electrónico, pode descargar, encher, imprimir e asinar/selar a cédula, e posteriormente realizar unha fotografía ou escaneo, de maneira que a imaxe sexa nítida e a información perfectamente lexible.
É importante que remita, debidamente enchida, a cédula antes do próximo día 19 de xullo de 2022.
Realización da Xunta Xeral 2022
A Xunta Directiva de Fraternidad-Muprespa, Mutua Colaboradora coa Seguridade Social número 275, con domicilio social en Madrid, na Praza de Cánovas del Castillo, número 3, para dar cumprimento ao disposto no artigo 24 dos seus Estatutos sociais, convoca as súas empresas mutualistas asociadas a Xunta Xeral Ordinaria, que se celebrará en Madrid, no salón de actos do Hospital Fraternidad-Muprespa Habana, sito no Paseo da Habana, número 83-85, o día 21 de xullo de 2022 (xoves), ás doce e trinta horas, en primeira convocatoria, e ás trece horas do mesmo día en segunda, se for preciso.
A orde do día será a seguinte:
- PRIMEIRO.- Exame da xestión social.
- SEGUNDO.- Aprobación, por proposta da Xunta Directiva, das contas e Memoria anuais correspondentes ao exercicio 2021, acompañadas do informe de auditoría da Intervención Xeral da Seguridade Social.
- TERCEIRO.- Aprobación do anteproxecto de Orzamentos para o ano 2023 e, se é o caso, delegación na Xunta Directiva das facultades para aprobar o anteproxecto.
- CUARTO.- Aprobación do informe anual da Xunta Directiva sobre o cumprimento do Código de conduta de Fraternidad-Muprespa para a realización de investimentos temporais, durante o exercicio 2021.
- QUINTO.- Designación e remoción de membros da Xunta Directiva.
- SEXTO.- Rogos e preguntas.
- SÉTIMO.- Aprobación da acta da Xunta Xeral.