Xunta Directiva
Órgano colexiado ao que corresponde o goberno directo da Mutua. Estará composto por entre dez e vinte empresarios asociados, dos cales o trinta por cento corresponderá a aquelas empresas que conten con maior número de traballadores, determinadas conforme aos tramos que se establecerán regulamentariamente, e un traballador por conta propia adherido, todos eles designados pola Xunta Xeral. Tamén formará parte o representante dos traballadores mencionado no apartado 2. O nomeamento como membro da Xunta Directiva estará supeditado á confirmación do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, a excepción do representante dos traballadores, e entre os seus membros designarase o presidente desta.
É competencia da Xunta Directiva a convocatoria da Xunta Xeral, a execución dos acordos adoptados por esta, a formulación dos anteproxectos de presupostos e das contas anuais, que deberán ser asinados polo presidente da entidade, así como a esixencia de responsabilidade ao director xerente e demais funcións que se establezan non reservadas á Xunta Xeral. Regulamentariamente rexeranse o réxime de funcionamento da Xunta Directiva e de esixencia de responsabilidade.
Corresponde ao presidente da Xunta Directiva a representación da Mutua Colaboradora coa Seguridade Social, a convocatoria das reunións a esta e moderar as súas deliberacións. O director xerente manterá informado o presidente da xestión da Mutua e seguirá as indicacións que este, se é o caso, lle imparta. O réxime de indemnizacións que se estableza regulará as que correspondan ao presidente da Mutua polas funcións específicas atribuídas e que en ningún caso poderán superar no seu conxunto as retribucións do director xerente.
Non poderá recaer simultaneamente na mesma persoa máis dun cargo da Xunta Directiva, xa for por si mesma ou en representación doutras empresas asociadas, nin poderán formar parte da Xunta as persoas ou empresas que manteñan relación laboral ou de servizos coa Mutua, a excepción do representante dos traballadores.
Desenvolve o art. 71.3 Lei 35/2014.