Pagamento delegado
Prestación económica que un traballador en situación de IT (baixa médica) percibe da súa empresa coa mesma periodicidade que o salario, pero con cargo á entidade xestora (INSS ou ISM) ou colaboradora coa Seguridade Social (Mutua) correspondente.
- En caso de que a súa orixe sexa unha continxencia común (enfermidade común ou accidente non-laboral), os 3 primeiros días non se percibe contía ningunha, do 4º ao 20º será do 60% da base reguladora, segundo o mes anterior ao feito causante, e dende o día 21º de baixa será do 75% (o período comprendido entre o 4º e 15º día corre a cargo da empresa, o resto será a cargo dunha das entidades citadas no parágrafo anterior, dependendo de se a empresa ten contratadas as coberturas co INSS, ISM ou cunha Mutua)
- En caso de continxencia profesional (accidente de traballo ou enfermidade profesional) a empresa aboará o 75% da base reguladora con cargo a unha destas entidades dende o día seguinte ao do feito causante.
En moitos convenios colectivos establécese que a empresa complemente o seu cargo ata o 100% destas prestacións para que o traballador de baixa non sufra mingua económica durante a súa situación de IT.