CARTEL N.º 2. INTRODUCIÓN DA EXPOSICIÓN
Fraternidade-Muprespa presenta a exposición Carteis de Prevención do século XX, unha mostra de 48 obras que achega ao espectador ao concepto da prevención de riscos laborais ao longo do tempo, xa que preservar e axudar na recuperación da saúde dos traballadores é unha das funcións que, por lei, teñen encomendadas as Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social.
Estes carteis, datados entre o ano 1905 e a década dos 70 do pasado século, son reproducións dalgúns dos máis de 3 500 que forman parte da colección privada VECA & MUGO e que mostran a evolución da imaxe da prevención con exemplos claros e prácticos.
Para entender por que o cartel era un importante medio de comunicación e por que se utilizaba tamén para dar a coñecer a prevención de riscos laborais, debemos situarnos na España de principios do século pasado.
En 1900 a metade da poboación española non sabe ler nin escribir. Esa porcentaxe vaise reducindo a un 25 % nos anos 30 e ata o 15 % nos 50 e 60. Nos 60 aínda era frecuente que moitos mozos arredor da vintena que non puideran aprender a ler e escribir, aproveitasen o servizo militar para facelo.
O cartel é unha útil ferramenta informativa para unha sociedade que non tiña acceso aos medios de comunicación convencionais. A radio non se popularizou en España ata os anos 40. A televisión chega arredor dos anos 60, pero non se implanta maioritariamente ata os anos 70, polo tanto o cartel cumpriu como medio de comunicación habitual, cunhas características básicas: pouco texto e debuxos moi rechamantes de brillantes cores, que se usaban para transmitir unha idea, con obxectivos claramente didácticos.
A beleza das imaxes, a claridade e sinxeleza da mensaxe, o impacto visual das escenas, o colorido e calidade da impresión litográfica, e a autoría coñecida de moitos deles fan destes carteis auténticas obras de arte.
Organismos públicos como o Ministerio de Traballo, a Dirección Xeral de Sanidade, a Dirección Xeral de Tráfico o Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no traballo, e tamén entidades como as mutuas de accidentes de traballo, as aseguradoras ou a Asociación para a Prevención de Accidentes, eran os promotores destes carteis destinados sobre todo aos sectores industrial e agrícola.
Fraternidade-Muprespa reuniu por primeira vez estes carteis na súa Primeira Semana da Prevención do ano 2016. A intención era “sacar a prevención á rúa” para achegala máis á sociedade. Na actualidade continuamos con esta tarefa divulgativa porque coñecendo o pasado da prevención de riscos laborais, coñeceremos mellor o presente e o futuro.
Convidámolos a visitar a exposición e a escoitar a explicación de cada un destes carteis.