Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS)
Tesourería Xeral da Seguridade Social.
É un servizo común da Seguridade Social, tutelado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, con personalidade xurídica propia, onde por aplicación dos principios de solidariedade financeira e caixa única, se unifican todos os recursos económicos e a administración financeira do Sistema da Seguridade Social.
A súa cualificación de servizo común obedece a que é un organismo encargado da xestión de determinadas funcións comúns ás distintas Entidades Xestoras do Sistema da Seguridade Social.
¿Que competencias ten?
- A Inscrición de empresas.
- A Afiliación, altas e baixas dos traballadores.
- A xestión e control da cotización e da recadación das cotas e demais recursos de financiamento do Sistema da Seguridade Social.
- O aprazamento ou fraccionamento das cotas da Seguridade Social.
- A titularidade, xestión e administración dos bens e dereitos que constitúen o patrimonio único da Seguridade Social, sen prexuízo das facultades que as Entidades Xestoras da Seguridade Social, as Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais e o Instituto Nacional de Saúde teñen atribuídas.
- A organización dos medios e o deseño e xestión dos procesos necesarios para o ingreso das cotas e demais recursos financeiros do Sistema da Seguridade Social.
- A ordenación do pagamento das obrigas da Seguridade Social e a distribución no tempo e no territorio das dispoñibilidades diñeirarias para satisfacer puntualmente estas obrigas.
- A organización e xestión do circuíto financeiro que canalice as dispoñibilidades e movementos relativos aos recursos do Sistema, conforme as necesidades de xestión da Seguridade Social.
- A autorización da apertura de contas en Institucións Financeiras destinadas a situar fondos da Seguridade Social.
- A realización das operacións de crédito e anticipos de Tesourería que, se é o caso, sexan necesarias.
- A elaboración do orzamento monetario.
- A xestión da función reaseguradora de accidentes de traballo.
- A constitución, xestión e aplicación dun fondo de estabilización financeiro único para o Sistema da Seguridade Social.
- A liquidación dos capitais custo a constituír por Mutuas de Accidentes de Traballo e empresas declaradas responsables do pagamento de prestacións.
- A realización de cantas outras funcións de natureza análoga lle sexan encomendadas polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.
- A adquisición dos inmobles necesarios para o cumprimento dos seus fins mediante concurso público, así como o alleamento daqueles que non resulten necesarios para estes, mediante o procedemento de poxa pública.